Saturday 18 de May de 2024

San Sadurniño abre este xoves o prazo de solicitude da primeira quenda da Aldea de Verán


O programa estival de lecer activo para a infancia oferta 35 prazas

A Aldea de Verán é un recurso socioeducativo ofrecido polo Concello de San Sadurniño co que se pretende facilitarlles ás familias unha opción máis de conciliar a vida laboral coa atención dos nenos e nenas durante as vacacións estivais. O servizo oferta este ano un máximo de 35 prazas para rapazada de entre 3 e 12 anos e desenvolverase nos meses de xullo e agosto, coa posibilidade de elixir entre dous horarios de entrada, un a partir das 8:30h e outro desde as 9:30h, rematando en ambos casos ás 14.30h. O prazo de solicitude para a primeira quenda, a de xullo, estará aberto entre o 1 e o 12 de xuño. As familias empadroadas en San Sadurniño -que terán prioridade na asignación do servizo- tamén poderán solicitar praza para o mes de agosto nese mesmo período.

En canto á prioridade das admisións, regra xeral é ir adxudicando as prazas segundo a orde de entrada no rexistro municipal -sexa presencial ou telemática- e dándolle preferencia a quen solicite para un mes completo e para o horario de 8.30 a 14.30h. sobre quen solicite o servizo por quincenas ou para o horario de 9.30 a 14.30h.

Con todo, o principal criterio de acceso será que as familias solicitantes estean empadroadas en San Sadurniño. Despois delas poderán entrar aquelas que, aínda non estando empadroadas no noso muncipio, teñan vinculación laboral con el. En terceiro lugar en orde de prioridade estarían as familias que non sexan de San Sadurniño pero que teñan as crianzas matriculadas no CPI. Para todas as demais solicitudes que non se encontren en ningún dos casos anteriores (se quedasen aínda prazas) só se tomará como referencia a data en que se rexistrase a petición.

Quendas e horarios
A Aldea de Verán desenvolverase durante os meses de xullo e agosto cun horario global de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8:30 a 14:30h -para este horario ampliado só se ofertan 10 prazas- e outra con entrada entre as 9:30 e as 10:00h e remate igualmente ás 14.30 horas.

As matrículas poderán formalizarse en dous períodos: desde as 9:00h do 1 de xuño ata as 14:30h do 12 de xuño para o servizo do mes de xullo, e das 9:00h do 4 de xullo ás 14:30h do 12 de xullo para a Aldea de Verán durante o mes de agosto. As familias de San Sadurniño poderán reservar praza para todo o programa durante o primeiro período pagando os dous meses. Iso si, o pagamento só poderán efectualo as familias que figuren empadroadas no concello, mentres que as de fóra deberán agardar a que lles confirmen antes a praza.

Outras cuestións para ter en conta
Ao programa poderán asistir nenos e nenas desde os 3 ata 12 anos, pero non se admitirán solicitudes de menores que non estivesen xa escolarizados no curso 2022-2023. É dicir, poderán asistir pequenos de 3 anos que cursasen este ano o primeiro curso do 2º Ciclo de Educación Infantil, pero non os que aínda vaian empezalo en setembro.

Outra cuestión que se debe ter moi presente é que, preferentemente, as solicitudes e o resto de documentación ha de presentarse a través da Sede Electrónica. O procedemento en liña recibirá solicitudes unicamente no horario de 9:00 a 14:30h para asegurar a igualdade de oportunidades entre quen opte por esta posibilidade e quen elixa presentar a documentación presencialmente no rexistro do Concello.

É importante ter en conta, ademais, que se unha mesma persoa vai presentar as solicitudes dunha ou máis familias deberá achegar obrigatoriamente as follas de representación asinadas polas persoas interesadas, xunto coa copia dos seus DNIs.